![]() | |||
Un faro sempre é un bo lugar ao que chegar |
Despois de case vinte anos traballando en diferentes entidades non lucrativas en servizos de orientación laboral (ben sexa con mulleres, persoas con adiccións, persoas reclusas ou ex reclusas, persoas migrantes, perceptores/as de prestacións non contributivas, persoas con discapacidade, etc.) podo concluír e conclúo as seguintes valoracións con respecto a diferentes aspectos do noso desempeño profesional:
- O valor social xenerado pola orientación laboral é indiscutible. A necesidade existente de recursos de orientación laboral profesionais e rigorosos que presten os seus servizos de maneira personalizada e desde unha perspectiva de impacto positivo e transformador nas persoas orientadas é cada vez máis evidente, neste contexto cambiante e fráxil no que desenvolvemos a nosa actividade desde hai uns anos.
- A reciclaxe profesional e inquietude polo coñecemento dos/as profesionais de orientación debe de ser unha máxima no noso día a día. Adaptar as intervencións ás necesidades, expectativas e circunstancias particulares da persoas demandantes constitúe a liña de saída desde a que programar o resto das accións.
- É relativamente fácil deixarse levar pola rutina na nosa profesión, estandarizar as intervencións de orientación e delegar na persoa en busca de emprego a responsabilidade do éxito de todo o proceso; ou ben adoptar unha postura de superioridade con respecto ao que “se ten que facer”, ao que “se ten que sentir”, “ao camiño que hai que seguir”, “ao esforzo necesario para conseguir resultados” ou, no peor dos casos, “as renuncias e apostas que se teñen que executar” para que se alcancen os obxectivos que nós cremos que son os válidos.
![]() |
A travesía da busca de emprego |
- As políticas activas de emprego programadas pola Administración ou as entidades sociais colaboradoras (enténdanse todas aquelas de información + formación + busca activa) adoecen do descoñecemento da realidade cotiá dos servizos de orientación laboral e sempre van un paso por detrás das transformacións socioeconómicas. Nun bucle constante de causa-efecto kantiano, estas iniciativas “obrigan” a encorsetar ás persoas desempregadas naquelas accións e/ou programas que desde un ente omnisapiense (aí vos deixo este neoloxismo) se financian. Só hai que pensar nas dificultades coas que nos atopamos á hora de cubrir as prazas en determinadas especialidades dos AFD, da formación para persoas traballadoras ocupadas, nos programas integrados de emprego, nos programas de garantía xuvenil, etc.
- As persoas desempregadas adoitan buscar o “logro inmediato” e delegar nos servizos de orientación a consecución dos seus obxectivos profesionais. Á marxe das valoracións que se poden facer do esforzo e tempo investido nas actividades de busca activa, temos que ter en conta que cando se recorre a apoio e acompañamento profesional é porque se descoñecen as canles ou procedementos existentes na contorna ou simplemente porque se necesita un apoio moral extra no momento que se está a vivir. Se cando unha persoa acude aos servizos médicos non sae da consulta cunha receita que lle pauta “vaia probando estes tratamentos a ver cal lle vai ben para a súa enfermidade” ou cando imos a un avogado/a tampouco nos resolven os nosos problemas legais indicándonos “léase estas leis a ver se nalgunha encaixa o seu caso e algún xulgado acepta a súa demanda”, as persoas desempregadas tampouco teñen que facer un exercicio maiúsculo, e que en moitas ocasións non está ao seu alcance por diversas circunstancias externas que escapan ao seu control, para conseguir un emprego digno.
Gustaríame saber que pensades vós. Sen dúbida o máis enriquecedor deste #POLAB20 é o feedback que nos podemos dar uns a outros/as. Aprender xuntos/as é mellor que facelo por separado.
Saber máis:
Tes razón, é moi perigosa a rutina e o estancamento para un/a profesional da orientación laboral que lle poden levar por outros derroteiros que non sexan os do acompañamento ou axuda. Dende a miña opinión a iniciativa sempre a debería ter a persoa que se senta do outro lado e, se non a ten, a labor é incentivala. Moi bo post María!!
ResponderEliminar