Amosando publicacións coa etiqueta #OrientacionLaboral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #OrientacionLaboral. Amosar todas as publicacións

luns, 23 de novembro de 2020

ITINERARIOS PERSONALIZADOS DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

O pasado sábado 14 de novembro, tivemos a oportunidade de asistir ao seminario web do módulo 3 impartido por Mayte Deus, sobre Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, no marco do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, Ed. 2020, da Universidade da Coruña.

Dende o Grupo12 decidímonos a afondar nesta temática pola súa utilidade no desempeño diario que levamos a cabo como orientadores laborais, e ao longo deste artigo realizaremos unha exploración dos conceptos traballados durante a sesión.
 
A ampliación do uso do concepto de itinerario e a súa adopción como metodoloxía de actuación por parte dos Servizos Públicos de Emprego e, en ocasións, tamén polos Servizos Sociais, abre novas oportunidades e novos retos ao desenvolvemento dos itinerarios de inserción sociolaboral. A calidade do avance no proceso de inserción sociolaboral e o paso a unha situación de integración dependerán, pois, en gran parte, da calidade dos recursos dispoñibles para a construción dos itinerarios e da capacidade de traballar en rede.
Un itinerario de inserción é un conxunto de accións que se organizan nun proceso personalizado e lóxico que ten como obxectivos a inserción sociolaboral e o desenvolvemento profesional dos usuarios e usuarias que participan no mesmo, especialmente a través da información e o asesoramento individual e grupal, e coa participación doutras áreas do campo da inserción sociolaboral.


Está composto por tres fases diferenciadas que conforman un proceso:
  • Un diagnóstico personalizado.
  • Unha intervención orientadora (actividades individuais e actividades grupais).
  • Unha supervisión ou avaliación continua.  

Todas as persoas que accedan ao servizo de orientación do SPEG deberían realizar un IPE, excepto que teñan outras necesidades que impidan iniciar unha procura activa de emprego, de carácter social e/ou de saúde, por exemplo. Unha entrevista de orientación laboral, pode supoñer a porta de entrada para a realización dun itinerario, co obxectivo principal de potenciar a empregabilidade e autonomía das persoas que se atopan á procura de emprego. Achegamos un titorial para buscar e solicitar cursos de formación para o emprego, así como o servizo de orientación laboral a través da oficina virtual do servizo público de emprego de Galicia:

 

 

O Itinerario ten un carácter pedagóxico en si mesmo. Este carácter atende a que como proceso, e durante o mesmo, a persoa incorpora coñecementos, procedementos, valores e habilidades útiles para desenvolverse na vida e relacionarse coa contorna e consigo mesmo:

  • A persoa adquire coñecementos e habilidades que lle axudan a situarse no medio da complexidade sen ansiedade.
  • A persoa descobre posibilidades e capacidades que ten. A persoa participa en igualdade de condicións co resto dos seus concidadáns.
  • A persoa percíbese fortalecida para afrontar con solvencia a súa propia vulnerabilidade.

A característica fundamental dun itinerario de inserción é a súa flexibilidade para cubrir a maior parte das necesidades que se poidan presentar e capacidade de adaptación a unha contorna en constante cambio.


ITINERARIOS DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

Esquema Itinerario de Inserción para o Emprego
Imaxe 1
Elaboración propia a partir da imaxe de Rocío Muñoz

ESQUEMA BASE PARA A ELABORACIÓN DUN ITINERARIO DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

  • Acollida: momento no que se inicia a chegada da persoa á entidade e, se é o caso, finaliza cun diagnóstico de ocupabilidade que se concreta nunha proposta de plan de traballo acordada entre o técnico/a e o usuario/a.
  • Orientación: a orientación profesional é un proceso de acompañamento que un profesional (orientador/a) realiza conxuntamente co usuario/a coa finalidade de que este poida identificar e potenciar as súas competencias persoais e profesionais e chegue a construír o seu proxecto persoal e profesional para mellorar a súa ocupabilidade, nun proceso de revisión continua.

  • Formación: acción ou conxunto de accións que permiten adquirir ou desenvolver calquera tipo de competencia (tanto vinculada a coñecementos como a habilidades e a actitudes), xa sexa presencial ou a distancia.
  • Formación en contexto laboral: acción que permite adquirir, aplicar e desenvolver as competencias profesionais (coñecementos, habilidades e actitudes) adquiridas tanto en contextos formais como non formais, nunha contorna produtiva.
  • Intermediación: iníciase no momento en que a persoa adquiriu as competencias persoais e profesionais, coñece e sabe utilizar as técnicas e canles de procura de emprego, coñece as características e a situación do mercado de traballo no que pretende introducirse e entra en contacto coas ofertas de traballo mediante os dispositivos de procura de emprego existentes á súa disposición.
  • Ocupación/emprego: proceso de acompañamento á inserción. A fase de ocupación/ emprego iníciase no momento en que o usuario/a se incorpora plenamente á realización das súas funcións laborais nun posto de traballo no mercado ordinario, xa sexa por conta propia ou allea, e ata que se considera que se adaptou de forma correcta á contorna laboral responde satisfactoriamente á definición do posto de traballo e o consolida. Por tanto, a fase de acompañamento acaba cando se avalía a competencia con relación ao posto de traballo.
  • Peche: fase final do proceso de acompañamento á inserción laboral que supón a finalización da relación entre a entidade e o usuario/a por vontade dunha das partes, requirimento dunha terceira ou ben de común acordo. A acción darase por terminada cando ambas as partes consideren que o usuario ou usuaria está preparado/ a para facerse cargo do seu propio itinerario de inserción.


FASES DUN ITINERARIO DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

 
Imaxe 2
Elaboración propia a partir da imaxe de Jesús García Reyes

A modo de reflexión, indicar que este terceiro módulo inclúe seis temas que nos achegan ó marco instrumental da orientación laboral. Isto é, aquelas ferramentas que nos permitirán actuar na realidade do proceso de orientación. Como orientadores debemos ter uns recursos metodolóxicos e instrumentos que empregaremos na nosa práctica diaria e que nos axudarán a acadar o nosos obxectivos finais. 
 
Dende os diferentes ámbitos laborais que abarcamos os 5 integrantes deste Grupo12, resultou moi interesante descubrir o concepto de IPE, do cal escoitaramos moitas cousas, pero que ningún de nós dominabamos, e  durante os seminarios de Mayte fomos desgranando en grupo.
 
Un dos maiores activos a nivel persoal e profesional que nos imos a levar deste posgrao do CIXUG , sen lugar a dúbidas,  é o grupo de compañeir@s, que de seguro pasaremos a formar parte das diferentes redes de traballo, e que constitúen a ferramenta máis poderosa para a Orientación Networking POLAB20_grupo12.

WAKELET


ALGO MÁIS DE INFORMACIÓN

sábado, 17 de outubro de 2020

REFLEXIÓNS SOBRE A INICIATIVA EMPRENDEDORA por @nogueira_cla

 Bo día, tomo prestada a palabra dentro de este blogue realizado pol@s compañeir@s do grupo 12 do #POLAB20.

Quérome centrar en achegarvos un pouco ao mundo do autoemprego e ao asesoramento no mesmo como parte integrante e tamén fundamental da orientación laboral. 

Dende o meu punto de vista, coido que é imprescindíbel facerlle ver a persoa que desexa emprender que o máis importante para levalo a cabo é ter unha idea clara, delimitada, coñecida e pola que esté disposta a asumir riscos. Ademáis, é fundamental que a súa única inquedanza para con o proxecto sexa o mesmo e non outras motivacións (como subvencións, falta doutras saídas laborais...).

A creatividade e a innovación é clave no éxito empresarial, tamén, a exploración dun mercado no que non se teña competencia. Como exemplo, póñovos o caso do Circo do Sol cuxo proxecto tivo e ten un gran éxito xa que creou un mercado ad hoc para o que non contaba con competidores, facéndose o referente. Estes atoparon a súa fórmula máxica ao conseguir que aqueles aos que non lles gustaba o circo acudisen a velo, é dicir, reinventáronse a fixeron algo diferente (eliminaron os animais e o humor grotesco e empregaron sofisticación e a riqueza intelectual do teatro). A estratexia que utilizaron coñécese como "océano azul". Achégovos un vídeo que conta a súa historia e transformación e que reflicte o que vos quero transmitir con estas verbas. 

 

Se queredes saber máis en canto a outras iniciativas que empregaron esta estratexia e que tiveron gran acollemento podedes consultar as webs, a modo de exemplo, de:

  • Ximnasios adicados só para mulleres: Curves.
  • Aspiradores de fogar creados a partir dun modelo empregado para a industria: Dyson
  • Creación do Ipad ou do Ipod, como novedades non existentes no mercado: Apple

Espero que vos parecera entretida a miña visión do mundo do emprendemento. Grazas por deixarme tomar parte do voso blogue, ata outra!

REFLEXIÓNS DUNHA ORIENTADORA LABORAL NA SÚA MAIORÍA DE IDADE por @mlopcor

FONTE: Pixabay
Un faro sempre é un bo lugar ao que chegar


Despois de case vinte anos traballando en diferentes entidades non lucrativas en servizos de orientación laboral (ben sexa con mulleres, persoas con adiccións, persoas reclusas ou ex reclusas, persoas migrantes, perceptores/as de prestacións non contributivas, persoas con discapacidade, etc.) podo concluír e conclúo as seguintes valoracións con respecto a diferentes aspectos do noso desempeño profesional:

- O valor social xenerado pola orientación laboral é indiscutible. A necesidade existente de recursos de orientación laboral profesionais e rigorosos que presten os seus servizos de maneira personalizada e desde unha perspectiva de impacto positivo e transformador nas persoas orientadas é cada vez máis evidente, neste contexto cambiante e fráxil no que desenvolvemos a nosa actividade desde hai uns anos.

- A reciclaxe profesional e inquietude polo coñecemento dos/as profesionais de orientación debe de ser unha máxima no noso día a día. Adaptar as intervencións ás necesidades, expectativas e circunstancias particulares da persoas demandantes constitúe a liña de saída desde a que programar o resto das accións.

- É relativamente fácil deixarse levar pola rutina na nosa profesión, estandarizar as intervencións de orientación e delegar na persoa en busca de emprego a responsabilidade do éxito de todo o proceso; ou ben adoptar unha postura de superioridade con respecto ao que “se ten que facer”, ao que “se ten que sentir”, “ao camiño que hai que seguir”, “ao esforzo necesario para conseguir resultados” ou, no peor dos casos, “as renuncias e apostas que se teñen que executar” para que se alcancen os obxectivos que nós cremos que son os válidos.

FONTE: Pixabay
A travesía da busca de emprego
 

- As políticas activas de emprego programadas pola Administración ou as entidades sociais colaboradoras (enténdanse todas aquelas de información + formación + busca activa) adoecen do descoñecemento da realidade cotiá dos servizos de orientación laboral e sempre van un paso por detrás das transformacións socioeconómicas. Nun bucle constante de causa-efecto kantiano, estas iniciativas “obrigan” a encorsetar ás persoas desempregadas naquelas accións e/ou programas que desde un ente omnisapiense (aí vos deixo este neoloxismo) se financian. Só hai que pensar nas dificultades coas que nos atopamos á hora de cubrir as prazas en determinadas especialidades dos AFD, da formación para persoas traballadoras ocupadas, nos programas integrados de emprego, nos programas de garantía xuvenil, etc.

- As persoas desempregadas adoitan buscar o “logro inmediato” e delegar nos servizos de orientación a consecución dos seus obxectivos profesionais. Á marxe das valoracións que se poden facer do esforzo e tempo investido nas actividades de busca activa, temos que ter en conta que cando se recorre a apoio e acompañamento profesional é porque se descoñecen as canles ou procedementos existentes na contorna ou simplemente porque se necesita un apoio moral extra no momento que se está a vivir. Se cando unha persoa acude aos servizos médicos non sae da consulta cunha receita que lle pauta “vaia probando estes tratamentos a ver cal lle vai ben para a súa enfermidade” ou cando imos a un avogado/a tampouco nos resolven os nosos problemas legais indicándonos “léase estas leis a ver se nalgunha encaixa o seu caso e algún xulgado acepta a súa demanda”, as persoas desempregadas tampouco teñen que facer un exercicio maiúsculo, e que en moitas ocasións non está ao seu alcance por diversas circunstancias externas que escapan ao seu control, para conseguir un emprego digno.      

Gustaríame saber que pensades vós. Sen dúbida o máis enriquecedor deste #POLAB20 é o feedback que nos podemos dar uns a outros/as. Aprender xuntos/as é mellor que facelo por separado.

Saber máis:

O papel da Orientación Laboral.

Reinvención Profesional.

Pelfil de competencias del Orientador/a Laboral.