luns, 23 de novembro de 2020

ITINERARIOS PERSONALIZADOS DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

O pasado sábado 14 de novembro, tivemos a oportunidade de asistir ao seminario web do módulo 3 impartido por Mayte Deus, sobre Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, no marco do Posgrao de Especialización en Orientación Laboral, Ed. 2020, da Universidade da Coruña.

Dende o Grupo12 decidímonos a afondar nesta temática pola súa utilidade no desempeño diario que levamos a cabo como orientadores laborais, e ao longo deste artigo realizaremos unha exploración dos conceptos traballados durante a sesión.
 
A ampliación do uso do concepto de itinerario e a súa adopción como metodoloxía de actuación por parte dos Servizos Públicos de Emprego e, en ocasións, tamén polos Servizos Sociais, abre novas oportunidades e novos retos ao desenvolvemento dos itinerarios de inserción sociolaboral. A calidade do avance no proceso de inserción sociolaboral e o paso a unha situación de integración dependerán, pois, en gran parte, da calidade dos recursos dispoñibles para a construción dos itinerarios e da capacidade de traballar en rede.
Un itinerario de inserción é un conxunto de accións que se organizan nun proceso personalizado e lóxico que ten como obxectivos a inserción sociolaboral e o desenvolvemento profesional dos usuarios e usuarias que participan no mesmo, especialmente a través da información e o asesoramento individual e grupal, e coa participación doutras áreas do campo da inserción sociolaboral.


Está composto por tres fases diferenciadas que conforman un proceso:
  • Un diagnóstico personalizado.
  • Unha intervención orientadora (actividades individuais e actividades grupais).
  • Unha supervisión ou avaliación continua.  

Todas as persoas que accedan ao servizo de orientación do SPEG deberían realizar un IPE, excepto que teñan outras necesidades que impidan iniciar unha procura activa de emprego, de carácter social e/ou de saúde, por exemplo. Unha entrevista de orientación laboral, pode supoñer a porta de entrada para a realización dun itinerario, co obxectivo principal de potenciar a empregabilidade e autonomía das persoas que se atopan á procura de emprego. Achegamos un titorial para buscar e solicitar cursos de formación para o emprego, así como o servizo de orientación laboral a través da oficina virtual do servizo público de emprego de Galicia:

 

 

O Itinerario ten un carácter pedagóxico en si mesmo. Este carácter atende a que como proceso, e durante o mesmo, a persoa incorpora coñecementos, procedementos, valores e habilidades útiles para desenvolverse na vida e relacionarse coa contorna e consigo mesmo:

  • A persoa adquire coñecementos e habilidades que lle axudan a situarse no medio da complexidade sen ansiedade.
  • A persoa descobre posibilidades e capacidades que ten. A persoa participa en igualdade de condicións co resto dos seus concidadáns.
  • A persoa percíbese fortalecida para afrontar con solvencia a súa propia vulnerabilidade.

A característica fundamental dun itinerario de inserción é a súa flexibilidade para cubrir a maior parte das necesidades que se poidan presentar e capacidade de adaptación a unha contorna en constante cambio.


ITINERARIOS DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

Esquema Itinerario de Inserción para o Emprego
Imaxe 1
Elaboración propia a partir da imaxe de Rocío Muñoz

ESQUEMA BASE PARA A ELABORACIÓN DUN ITINERARIO DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

  • Acollida: momento no que se inicia a chegada da persoa á entidade e, se é o caso, finaliza cun diagnóstico de ocupabilidade que se concreta nunha proposta de plan de traballo acordada entre o técnico/a e o usuario/a.
  • Orientación: a orientación profesional é un proceso de acompañamento que un profesional (orientador/a) realiza conxuntamente co usuario/a coa finalidade de que este poida identificar e potenciar as súas competencias persoais e profesionais e chegue a construír o seu proxecto persoal e profesional para mellorar a súa ocupabilidade, nun proceso de revisión continua.

  • Formación: acción ou conxunto de accións que permiten adquirir ou desenvolver calquera tipo de competencia (tanto vinculada a coñecementos como a habilidades e a actitudes), xa sexa presencial ou a distancia.
  • Formación en contexto laboral: acción que permite adquirir, aplicar e desenvolver as competencias profesionais (coñecementos, habilidades e actitudes) adquiridas tanto en contextos formais como non formais, nunha contorna produtiva.
  • Intermediación: iníciase no momento en que a persoa adquiriu as competencias persoais e profesionais, coñece e sabe utilizar as técnicas e canles de procura de emprego, coñece as características e a situación do mercado de traballo no que pretende introducirse e entra en contacto coas ofertas de traballo mediante os dispositivos de procura de emprego existentes á súa disposición.
  • Ocupación/emprego: proceso de acompañamento á inserción. A fase de ocupación/ emprego iníciase no momento en que o usuario/a se incorpora plenamente á realización das súas funcións laborais nun posto de traballo no mercado ordinario, xa sexa por conta propia ou allea, e ata que se considera que se adaptou de forma correcta á contorna laboral responde satisfactoriamente á definición do posto de traballo e o consolida. Por tanto, a fase de acompañamento acaba cando se avalía a competencia con relación ao posto de traballo.
  • Peche: fase final do proceso de acompañamento á inserción laboral que supón a finalización da relación entre a entidade e o usuario/a por vontade dunha das partes, requirimento dunha terceira ou ben de común acordo. A acción darase por terminada cando ambas as partes consideren que o usuario ou usuaria está preparado/ a para facerse cargo do seu propio itinerario de inserción.


FASES DUN ITINERARIO DE INSERCIÓN PARA O EMPREGO

 
Imaxe 2
Elaboración propia a partir da imaxe de Jesús García Reyes

A modo de reflexión, indicar que este terceiro módulo inclúe seis temas que nos achegan ó marco instrumental da orientación laboral. Isto é, aquelas ferramentas que nos permitirán actuar na realidade do proceso de orientación. Como orientadores debemos ter uns recursos metodolóxicos e instrumentos que empregaremos na nosa práctica diaria e que nos axudarán a acadar o nosos obxectivos finais. 
 
Dende os diferentes ámbitos laborais que abarcamos os 5 integrantes deste Grupo12, resultou moi interesante descubrir o concepto de IPE, do cal escoitaramos moitas cousas, pero que ningún de nós dominabamos, e  durante os seminarios de Mayte fomos desgranando en grupo.
 
Un dos maiores activos a nivel persoal e profesional que nos imos a levar deste posgrao do CIXUG , sen lugar a dúbidas,  é o grupo de compañeir@s, que de seguro pasaremos a formar parte das diferentes redes de traballo, e que constitúen a ferramenta máis poderosa para a Orientación Networking POLAB20_grupo12.

WAKELET


ALGO MÁIS DE INFORMACIÓN

Ningún comentario:

Publicar un comentario